A Universidade da Coruña vístese de festa e saca do armario o necesario traxe de gala das grandes ocasións. Unha cidade, A Coruña, paralizada, e ao lonxe óense os sons diversificados e retroamplificados. O venres 14 de mayo, no Coliseum, estamos de festa. E os únicos protagonistas son a música e o público que gozará dela. Ese día perdurará na memoria de moitos; as crónicas e o ruxerruxe farán que se manteña intacto co paso do tempo. Contarán que, coa posta do sol, músicas e artistas nunca vistas, gañaran o favor dun pobo, tras deixar un doce e eufórico sentimento perenne no seus corazóns.
O Campus Rock é un festival musical aberto a todos os públicos, con entrada popular e para toda a familia. E logo de 15 anos é un referente da música en directo na Coruña. Polos seus escenarios quedaron gravados nomes de todo o estado. Artistas do talle de Maga, Los Chicos, Joe Crepúsculo, Doctor Explosion, M-Clan ou Ginferno e grupos locais emerxentes no seu día e xa consagrados, como poden ser Triángulo de Amor Bizarro, Elephant Band ou Meu.
O festival segue en expansión para esta nova edición de 2010, o noso obxectivo é seguir medrando, superarnos de novo con novas metas por cumprir no noso horizonte e achegar á cidade unha programación musical de calidade e con amplitude de onda. O noso esforzo materialízase e toma forma coa inclusión de dous grupos internacionais de prestixio recoñecido no cartel dos concertos, ampliando así as nosas fronteiras para ofrecérvolo directamente nos vosos oídos.
Ademais, tentamos ampliar a oferta cultural do evento, traendo connosco a segunda edición do Campus Doc, tras a gran acollida da pasada edición
O cartel confeccionado para esta 16ª edición continúa coa nosa visión multidisciplinar da música contemporánea dende dentro até o exterior das nosas fronteiras. Artistas de recoñecido prestixio internacional e estatal conxúganse perfectamente xunto con novas promesas en crecemento do panorama Galego. Transcorreremos diferentes sendas musicais ao longo de toda a xornada: os galegos Franc3s achegarannos a súa mestura de post punk, ruído controlado e sucia escuridade para defender así todo o balbordo que están a montar nos medios especializados de todo o estado no último ano; dende Canarias, Jaír Ramírez, á fronte de Pumuky dará a coñecer ese armazón de sons escuros e atmosféricos que adornan o seu propio universo pop cargado de rabia e melancolía; con base nas catacumbas Barcelonesas, ZA! son un dos segredos máis cobizados polos amantes do bo e enérxico directo, asomaron a cabeza desde ese subsolo tras a publicación do seu segundo traballo “Macumba o muerte” o pasado 2009, e o seu é a mutación das cancións, brutais tratarán de fritir ao persoal con rock experimental que bebe da no wave, o jazz ou ritmos étnicos feito por dous personaxes armados con batería, guitarra, baixo, trompeta, mandolina, voces e algo de electrónica; desde Italia uno dos referentes dos últimos 3 lustros na escena independente, Giardini de mirò, cociñaran as súas mellores receitas que abrazan o post rock e as súas diversas escisións limitando ao norte co dream pop atmosférico, ao sur coa electrónica máis sutil e ao leste e oeste coas máis fina das experimentacións, sen ningunha dúbida, un dos alicerces europeos na súa ampla parcela de influencia; e por último o sueco a Axel Willner aos mandos de The Field colapsará as arterias dos asistentes ao festival cun vendaval de hipnótico minimal techno ambiental, loops encadeados e repetidos até a extenuación creando unha envolvente atmosfera reconfortante e excitante á par, serás engulido e á vez enredado nunha neutra e gasosa dixestión, e agora, máis orgánico pero con toda a esencia primixenia aínda incrustada nas súas carnes.
Submisión desde xa!
O mundo da música sempre estivo ligado a outras diversas fontes artísticas que o complementan: teatro, artes visuais, artes gráficas… Nesta ocasión imos reparar na parte visual; realizaremos unha coidada programación de documentais para, deste xeito, complementar a oferta das actuacións en directo do festival. Tra-la gran acollida na pasada edición vólvemos á carga con máis leña nesta segunda edición do Campus Doc, que se complementará cunhas charlas a cargo de Antón Reixa e David Castro nos distintos días que durará a programación.
A Vicerreitoría de Cultura e Comunicación, a través da súa Comisión Organizadora, composta por estudantes e persoal da Área de Cultura, programa a nova edición do Campus Rock coa colaboración do weblog musical, podcast e programa de radio Resaca Musical para alén doutros medios de comunicación locais e estatais.