
Trobador Electropop
En 1981 nace Joël Iriarte, o nome que se esconde tras Joe Crepúsculo, nunha vila chamada Sant Joan Despí, que aínda que está pegada a Barcelona, conserva esas cousas de moitas vilas no relativo ao antropolóxico, social e á dependencia da capital catalá. O seu pai Francisco tiña un grupo de rock sureño, unha especie de mestura entre Burning e Lynyrd Skynyrd, o que o leva a crecer sempre nunha atmosfera musical. Na adolescencia sóbese ao carro da música máquina e bakalao dos noventa, facendo moitísimas pezas deste xénero. Máis adiante empezará a formar diversas bandas xunto a Descabello (Dani, tamén en Tarántula) até formar no ano 2003, Tarántula, banda na que segue militando de forma moi activa, de feito durante este ano 2009 editarán novo disco titulado Humildad Trascendental.
Tarántula á parte, durante o ano 2007 deixou a renda solta todo o que tiña na cabeza, non obstante, nunca deixou de compoñer pezas ao longo da súa vida, co cal proseguía unha evolución normal. En 2008 debutaba finalmente como Joe Crepúsculo editando todo este material ao que ía dando forma, e por dar forma podemos entender calquera cousa, esquézanse os que queren grandes producións coidadas en até o máis mínimo acorde e vernizadas para todos os públicos, porque de isto non trata a súa música.
A primeira poutada do ano marcábaa con Escuela de Zebras (Producciones Doradas, 2008). Aínda que foi editado en febreiro do 2008, son un feixe de temas do 2007. El enténdeo como se fora un recompilatorio dese ano. Con esta tremenda irrupción na escena, avisaba do que estaba por chegar, melodías pop recubertas de fealdade á carta. Sons de órganos de feira, unha desgana natural á hora de enfrontarse ás letras en cada canción, cabalgando sobre famentas cebras esperpénticas e cubrindo todo de aires de verbena, festa ou romanticismo, nunhas odas antropolóxicas que deixan sentir case sempre unha palpable decadencia. Así é como nos deixan cancións como Escuela de Zebras, Gabriela ou o aditivo Suena Brillante.
Xa avisados de como as gastaba, chegaba o segundo asalto de Joe, o álbum Supercrepus (Producciones Doradas, 2008), tamén en descarga gratuíta como o anterior na súa web. Un álbum que a diferenza do anterior, si foi creado na súa concepción como algo obtido tras un traballo continuado e lineal, e ademais foi construído pensando en facer un disco con só cancións de amor, aínda que no seu resultado final, dúas ou tres se escaparán a este concepto. Que son de amor, até certo punto si, falan de situacións que teñen que ver con ese sentimento, mais as formas, como xa antes apuntabamos, fan que se trate dun achegamento ao amor dunha maneira que o despoxa de todo sentimento, e ademais, súmalle 33 quilos de apatía e desgana para finalmente deixarcho caer enriba arrasándote como unha camioneta escangallada, esa que parece que non vai chegar ao destino final, mais contra todo prognóstico, a camioneta chega e faino cargada de novos compañeiros de viaxe que se foron sumando a cada golpe e tirón antimelódico. Baraja de Cuchillos, El Día de Las Medusas, Amor Congelado, Amar en Tiempos de Democracia, Los Lagartos, El Far, Ama y Haz lo que Quieras o La Canción de tu Vida son algúns dos bos exemplos do que aquí contamos acerca deste sobresaínte desastre animal.
En fin, é sucio, ás veces difícil de dixerir, é posible até que te atragoes ao tratar de tragalo sen mastigar, mais no fondo, se non rematas por odialo no primeiro intento e tratas de mastigar un pouco, por moi cru que estea, estes retrousos, letras e músicas saídas do subsolo barcelonés acabarán por atraparte, e agora si, xa non poderás sacalo da túa cabeza. Máis de 40 cancións editadas neste 2008, se contamos tamén o disco de remixes, Escuela de Remixes e os dous citados anteriormente, entre as que a metade poden sorprendernos gratamente e invitarnos a viaxar ou soñar, e nas que atoparemos algún dos mellores momentos, musicalmente falando, que se pariron neste país, e senón tempo o tempo, que todo o pon no seu lugar.
Joe Crepúsculo – “Suena Brillante”
Joe Crepúsculo – “El Día de las Medusas”
http://myspacetv.com/index.cfm?fuseaction=vids.individual&videoid=41509549Joe Crepúsculo – “La canción de tu vida”
Joe Crepúsculo – “Espada de Damocles”
http://myspacetv.com/index.cfm?fuseaction=vids.individual&videoid=47080660Joe Crepúsculo – “Los Faunos” (Live en el CCCB de Barcelona 21/02/2009)
Joe Crepúsculo – “El Día de Las medusas” (Live sala [2] Barna 13/02/2009)